top of page
Buscar

A CONQUISTA DO OESTE

  • gonzalorodriguez5
  • 26 abr 2023
  • 3 Min. de lectura

Se van vostedes ao ARDAN (https://www.zfv.es/ardan/index.html) poderán atopar, entre outros interesantes datos, os referentes ao peso económico da produción eólica en Galiza. Esta fonte, que so recolle empresas con facturación superior 250.000 euros, amosa que esta actividade conta con 44 empresas, que xeran 40 postos de traballo directos. E dicir, non chega a un traballador por empresa. Xeran, en cambio, uns ingresos de 340 millóns de euros, cunha rendibilidade económica do 17% en 2021. Moitas destas empresas correspóndense cun único parque o que, en esencia, indica que non chega a contabilizarse un traballador por parque eólico. Non podemos dicir que se trate dunha actividade xeradora de emprego. Como digo, son datos.

E verdade que a Asociación da Eólica de Galicia (https://www.ega-asociacioneolicagalicia.es/) informa que cunha facturación de 327 millóns (dato similar ao anterior) logra, en cambio, 3.484 empregos directos. Nada menos que 3.444 máis dos que declaran cando depositan as súas contas no Rexistro Mercantil, que é de onde obtén a información ARDAN. Tamén indican un efecto indirecto de 162 millóns de euros e 1.951 empregos.

Para tentar afondar no efecto sobre o resto da economía galega, nos apoiaremos nunha investigación realizada polos profesores da USC Carmela Sánchez e Pedro Varela, quen distinguen dos tipos de efectos: os temporais (asociados fundamentalmente ao momento da construción das instalacións) e os permanentes. Estes últimos se materializan en empresas de subministro de enerxía e de servizos de mantemento. Os efectos temporais benefician a empresas construtoras de torres ou jackets, dende Navantia á recen instalada Nervión Naval Offshore; tamén a empresas de construción e en menor medida servizos de enxeñería. Escasamente industria auxiliar, as principais compoñentes son importadas.

En Galiza chegaron a funcionar tres fábricas de palas, dúas en As Pontes e a de Gamesa en As Somozas, pechada en 2021. Mentres, esta última desenvolveu unha planta en China, de onde proceden unha boa parte dos rotores, e reforzou as unidades de Vagos (Portugal) e Marrocos. Tamén en 2021, Vestas, que sigue operando 33 parque eólicos na nosa Comunidade, pechou a súa fábrica de palas en Viveiro trasladando a fabricación a China e Arxentina. Antes pechara a planta de ensamblaxe (que non produción) de compoñentes electrónicos para aeroxeradores de Alstom en As Somozas,

Non cabe ningunha dúbida de que é necesario incrementar a produción de enerxía de fontes renovables. Igual que o é algo do que se fala moi pouco, porque aí non hai negocio do oligopolio eléctrico, que é reducir o consumo. A intelixencia artificial ou o blockchain usado para as criptomoedas, que non teñen máis utilidade que a de especular ou ocultar cartos ilícitos, multiplican o consumo de enerxía. Un asunto que non se resolverá cós ordenadores cuánticos que seguramente xerarán novos usos que redundarán nunha intensidade enerxética crecente. En calquera caso, como sinalábamos, en frear o consumo enerxético non hai negocio. De aí que precisen expandirse permanentemente, conquistando novos territorios, conquistando o oeste, barrendo aos nativos si é preciso, sexa no mar ou na montaña.

Dous trazos compartidos coa “epopeia” americana son o sacrificio das actividades propias para ceder espazos as necesidades de expansión do capital foráneo e a apropiación dos bens comúns para este fin, entón a terra a agora o mar, que se parcela e privatiza, excluíndo dos polígonos eólicos á pesca. E non nos equivoquemos o mar é común pero non libre, porque a extracción de pescado está rexida por tacs, cuotas e sistemas de xestión establecidos en base ao consello científico. Xustificar este proceso, de aseguramento de maiores áreas de ganancia para as empresas enerxéticas, en base a unha obrigatoria cuota de solidariedade no proceso de transición enerxética demanda, como mínimo, unha contabilidade desa tal solidariedade.

Esta claro que as empresas pesqueiras son tamén empresas capitalistas, como todas, pero no caso galego, forman parte dun sistema económico (non dunha mera actividade) enraizado no territorio. Os pescados e mariscos se elaboran e conservan, se distribúen e se comercializan. Prodúcense barcos, cabos e redes, envases e embalaxes, xérase tecnoloxía e emprego e, sobre todo, alimentos que se distribúen por todo Europa. Estes son os aspectos que temos que sopesar, que deberíamos poder sopesar, en particular, ponderando respecto a unha alternativa cuio impacto económico e social cínguese á propia produción de enerxía e as actividades de mantemento das instalacións. Así que si, benvida a diversificación económica e do mix enerxético, benvidas as iniciativas compatibles co desenvolvemento endóxeno e a procura de maiores niveis de benestar...A conquista do (nor)oeste, non.


 
 
 

コメント


Publicar: Blog2_Post

©2020 por Días de garabullos. Creada con Wix.com

bottom of page